Quen non comprende unha mirada, tampouco entenderá unha longa explicación. (Proverbio árabe)
O tempo denominado "período de adaptación" é un momento privilexiado para a relación familia-escola, co obxectivo de que os nenos e nenas atopen a seguridade emocional. É coñecido por todos que o inico da escolaridade é un momento cargado de emocións, unha fase da vida importante para os nenos e nenas, para as familias e para as escolas. Unha aventura a tres bandas, que ningún dos seus protagonistas pode enfrontar por separado, senón que terá que vivila en conxunto e en consonancia para poder chegar a rematala con éxito.
Para os nenos e nenas, protagonistas principais deste proceso, este período de adaptación consiste nun tránsito da vida familiar á vida escolar nun contexto de crecemento importante polo que todos están a pasar, xa que están construindo as bases da súa personalidade, e todo o que vivan pode repercutir no seu futuro mais ou menos inmediato.
Se o que buscamos é a definición de período de adaptación podemos resumila nesta tan sinxela: conxunto de fases sucesivas polas que o neno ou nena chega a acomodarse a un medio novo, ao medio escolar, que non é coñecido nin habitual. Desta definición entendemos pois, que cando falamos de período de adaptación referímonos ao intervalo temporal que os nenos e nenas precisan para asimilar certos cambios producidos na súa vida, contorno e ambiente ao incorporarse ao centro escolar e, en moitos casos, ao separarse por vez primeira da figura de apego.
A verdadeira aprendizaxe do período de adaptación é encontrarse e separarse, é compartir experiencias fóra da propia casa con outras persoas (nenos e adultos), nun marco institucional organizado e seguro e resolvendo situacións de aprendizaxe novas. Polo tanto, a adaptación constitúe un proceso complexo no cal se desenvolven unha serie de relacións intersubxectivas entre as familias, o persoal docente, as nenas e os nenos, e por medio do cal se construirán vínculos entre todos eles. Esta experiencia converterase, ademai, na base das relacións sociais que os pequenos vivirán ao largo do seu paso polo sistema educativo.
É importante non esquencer que cada neno e nena reacciona dunha forma diferente diante da mesma situación, e cada unha desas reaccións require unha atención diferenciada co fin de acadar un estado de seguridade emocional óptimo.
Neste proceso de adaptación son varias as fases polas que pasan tanto os nenos e nenas, como as súas familias e as escolas: comézase por unha fase de achegamento cos primeiros contactos; pásase a unha fase de confianza cando os educadores se converten no referente afectivo dos nenos e nenas; para acadar finalmente unha fase de pertenza, momento no que os nenos comezan a atopar o seu lugar e as familias depositan a confianza nos centros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario